Wednesday 15 de May de 2024

Policía de Barrio e Unidade de Tráfico impulsan unha campaña para a prevención de atropelos


 

Flores súmase á felicitación do Alcalde á Policía local pola súa actuación na detención dos atracadores dunha xoiaría
O Tenente de Alcalde de Seguridade Cidadá, Julio Flores, presentou unha campaña para a prevención de atropelos que se vai impulsar dende o 27 de outubro ata o 7 de novembro. “Tras o descenso do número de atropelos en 2013, comprobamos que se produciu un incremento do 21% nos oito primeiros meses deste ano. Aínda que os atropelos na nosa cidade seguen sendo na súa maioría leves e, ao igual que o pasado ano, non se produciu ningunha vítima mortal, queremos concienciar tanto peóns coma condutores de que non pode baixar a garda en materia de seguridade vial”, destacou.
Flores informou que a DGT sinala que os peóns son os usuarios máis vulnerables e que os atropelos son a primeira causa de morte por accidente nas cidades españolas, xa que supoñen 4 de cada 10 vítimas mortais. “Se ben é certo que descenderon a practicamente á metade as persoas falecidas en atropelo nos dez últimos anos no noso país e, que afortunadamente, non se produciu ningunha vítima mortal na nosa cidade nin o ano pasado nin nos que levamos deste ano; é necesario continuar impulsando campañas, tanto dende a Policía local coma dende a área de Mobilidade, para concienciar tanto condutores coma peóns da necesidade de extremar as precaucións,” subliñou o responsable municipal.

Nesta iniciativa participarán de forma coordinada os efectivos da Policía de Barrio e da Unidade de Tráfico que vixiarán os pasos de peóns de forma itinerante en diversos barrios da cidade, para comprobar o cumprimento das normas de circulación tanto de vehículos coma de peóns. “Vaise comprobar se os coches se deteñen nos pasos de peóns e se respectan os semáforos e tamén se advertirá aos peóns que tomen riscos innecesarios cruzando fóra dos pasos regulados ou co semáforo en vermello”, indicou Julio Flores.
As zonas onde vai a desenvolver este dispositivo serán as principais avidas da cidade (avenida de Arteixo, Joaquín Planells, avenida do Exército, Xeneral Sanjurjo, avenida de Barrié de la Maza, avenida dos Caídos, avenida de Finisterre, avenida de Hércules ou avenida de Gran Canaria, rolda de Nelle, Rolda de Outeiro…) ou rúas con maior incidencia de atropelos como por exemplo Ramón e Cajal, Torre, San Andrés, Orzán, Panadeiras, Pablo Picasso, José Miñones ou Juan Flórez.
O Tenente de Alcalde de Seguridade informou que o perfil da persoa atropelada na nosa cidade “é moi similar en 2013 e 2014, xa que corresponde a unha muller, maior de 60 anos, atropelada por un coche nun paso de peóns non regulado por semáforo, entre as 18 e as 20 horas, o mércores, luns ou venres”. “En 2013 -continuou-, a rúa de maior incidencia de atropelos foi Rolda d eOuteiro e en 2014 foi a Avenida de Finisterre”.

Por outro lado, un 67,5% dos atropelos producíronse en pasos de peóns, a maioría en pasos sen semáforo (55 de 77 atropelos) e o resto en pasos con semáforo onde se observa que a maioría se producen por culpa dos vehículos (63%), pero tamén hai atropelos en pasos con semáforos que se producen por imprudencias dos peóns (37%). “A isto hai que engadir que 32 atropelos se produciron por cruzar os peóns fóra dos pasos peonís”, sinalouJulio Flores, quen continuou que “en resumo, aínda que a maioría dos atropelos se atribúen a actuacións dos vehículos, tamén hai que destacar que o 35% dos atropelos se producen por imprudencias dos peóns”.

Dispositivo
A campaña levarase a cabo en:
– Pasos de peóns regulados con semáforo. Denunciaranse os vehículos que non respecten o semáforo vermello.
– Pasos de peóns non regulados por semáforo. Denunciaranse os vehículos que non se deteñan cando o peón estea en disposición clara de cruzar ou estea a cruzar.
– Por último, aos peóns que non respecten as normas de tráfico apercibiráselles verbalmente e excepcionalmente cando as circunstancias o requiran denunciaránselles.

Flores recordou que a Policía local leva a cabo un labor constante de prevención de atropelos coa vixilancia e control da normativa de circulación. “Ata o 30 de setembro puxéronse 96 denuncias a vehículos por non respectar a prioridade dos peóns e 483 por non respectar os vehículos a luz vermella dos semáforos, pero tamén se sancionaron a 7 peóns por cruzar o semáforo con luz vermella e 5 por cruzar fóra dun paso de peóns existindo un a menos de 50 metros” indicou e continuou que “ademais, se denunciarán aquelas condutas que distraian o condutor e poñan en risco a seguridade dos peóns, como utilizar o teléfono móbil, manipular os dispositivos de navegación… que en 2013 xeraron 1.371 denuncias”.

Unha vez finalizado este dispositivo, a concellaría de Mobilidade continuará con outra campaña para promover a seguridade vial dos peóns en colaboración con Stop Accidentes, a Asociación de nenos e nenas camiñantes da Coruña (ANCAS), a Unión de Pensionistas e a Asociación de Amas de Casa, co fin de concienciar aos sectores de poboación máis con máis risco de atropelos. “Xa no mes de marzo se realizou unha campaña de concienciación sobre estacionamentos indebidos, en colaboración con Stop Accidentes e ANCAS, nas que simularon multar os condutores que cometían infraccións que afectaban á mobilidade dos peóns e agora imos tratar de impulsar outra iniciativa onde colaboren os máis pequenos e os máis veteranos”, recordou.

Outras campañas
Flores recodou que no mes de febreiro se realizou por parte da Policía Local a primeira campaña especial de control de estacionamentos indebidos en zonas reservadas: paradas de autobús, zonas de estacionamento de motocicletas, zonas de carga e descarga, así como prazas reservadas a persoas con diversidade funcional e mobilidade reducida.

Posteriormente, en abril levouse a cabo unha segunda campaña especial para vixiar os estacionamentos indebidos nas esquinas, próximos aos pasos de peóns, diante dos colectores de lixo e os que ocupan os illotes afectando á visibilidade de condutores e peóns.
Por último, Flores sinalou que nos últimos meses do ano haberá dúas novas campañas centradas no cumprimento das ordenanzas:
. En novembro, implantarase un dispositivo especial de control da ordenanza de tenza de animais, con especial fincapé nos cans de raza perigosa e as dexeccións na vía pública.
. En decembro, desenvolverase un terceiro dispositivo especial do 092 para a vixilancia e control dos adhesivos e carteis que se colocan no mobiliario urbano e nos espazos públicos.

Felicitación
Por último, Flores sumouse á felicitación que realizou o Alcalde á Policía local pola súa participación na detección de dous presuntos atracadores na mañá do mércores. “Quero destacar a súa valentía, a súa determinación e sobre todo a coordinación realizada dende a Sala do 092 para lograr que a patrulla de barrio, a de motos e a de bicicletas puidesen resolver a intervención en menos de 15 minutos”, indicou e concluíu que “tamén desexo trasladar os nosos desexos de pronta recuperación” ao policía local que sufriu unha agresión” “por parte dun dos atracadores”.